lunes, 23 de enero de 2023

DÍGOCHO EU

O alumnado de galego do centro foi escollido finalista dos premios deste popular programa da Televisión de Galicia dedicado a achegar a lingua galega dunha forma dinámica e entretida. Foi por isto que Carlos Amado e Esther Estévez, o director e a presentadora do Dígocho eu, desprazáronse ao noso centro para participar nunha entretida conversa co alumnado do Programa de Promoción do Idioma Galego no Bierzo, na que intercambiaron vivencias lingüísticas e concienciaron aos rapaces e mozos do centro para coñecer e mellorar a lingua de cara ao seu futuro laboral, ao tempo que os fixeron partícipes da responsabilidade de garantir o uso e continuidade da lingua galega na comarca. Houbo risos, sacáronse fotos e gozamos da grande simpatía dos dous xornalistas galegos.
A seguir, o alumnado dos últimos cursos do programa desprazouse por diversos espazos da vila para rodar o vídeo co que competirán no concurso Premios Dígocho eu. Esperamos que ademais de coñecer por dentro o proceso de creación de contidos televisivos, teñan moita sorte neste concurso. Eles son o futuro do galego no Bierzo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario